Pertencente á mancomunidade de Vigo, este concello pontevedrés localízase no suroeste da provincia, na parte máis interior da ría de Vigo. As súas catorce parroquias acollen a 30.027 habitantes nunha extensión de 51,9 quilómetros cadrados. O seu lindeiro polo oeste é o océano Atlántico; polo sur o municipio de Vigo; ao leste os de Mos e Pazos de Borbén e polo norte os municipios de Soutomaior e Pazos de Borbén. En canto ao relevo cómpre diferenciar varias partes. Por unha banda, os cumios máis altos roldan os 500 metros e están na franxa suroeste do concello, e pola outra, na liña costeira mestúranse as superficies areosas coas que presentan un aspecto máis rochoso. Por último, falar do accidente xeográfico, que abrangue unha maior extensión de terreo: a depresión topográfica que vai de norte a sur. A rede fluvial do concello está formada por varios regueiros (Fondón, Cabeiro,..) e por un par de canles de maior importancia: o Maceiras e o Alvedosa, que envorcan as súas augas directamente no mar. A súa proximidade ao mar fai que as temperaturas sexan moi suaves e se encadren entre os 10 e os 20 graos. Ademais, este factor, xunto co relevo, fai que as choivas que se recollen sexan abundantes e repartidas ao longo de todo o ano. As borrascas do Atlántico e os ventos húmidos do suroeste entran nestas terras sen ningún tipo de obstáculo. |