Marco histórico-xeográfico
ÁMBITO TERRITORIALNa área da Mancomunidade de Vigo sitúanse os Concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Son concellos, aínda que limítrofes xeograficamente, con grande diversidade en aspectos como o demográfico ou o económico. Pertencen todos eles á comarca de Vigo segundo o Plano de comarcalización da Xunta de Galicia.Redondela limita ó norte co concello de Soutomaior, ó leste con Pazos de Borbén, ó sur cos de Mos e Vigo, e ó oeste coa ría de Vigo, da que forma ó final a enseada de San Simón, e na que desembocan os ríos do termo municipal, o Alvedosa e o Maceiras. Este percorre as superficies da depresión meridiana que conduce a súa canle desde as alturas de Cabeiro ata unirse en Redondela co Alvedosa, que ten a súa orixe na parroquia de Amoedo (Pazos de Borbén). Conta cunha lonxitude de costa de 18.7 Km, onde destacan as praias de Cesantes, a Punta do Cabo e Arealonga, na parroquia de Chapela. A súa superficie en quilómetros cadrados é de 52, e ten catorce parroquias : Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela, Reboreda, Redondela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela, Vilar de Infesta, Vilavella e o Viso. Redondela sitúase a 14 Km de Vigo, a 18 Km de Pontevedra, a 69 Km de Santiago, a 139 Km de A Coruña, a 119 Km de Ourense e a 172 Km de Lugo. O camiño de ferro foi dende antigo unha infraestrutura de grande incidencia no termo municipal, a punto de servir os viadutos que atravesan a vila, símbolos da súa identificación. Son dúas líñas as que atravesan o termo: a de Ourense, que ven do interior, e a de Pontevedra, que discorre ó longo da costa. É importante destacar tamén a proximidade do aeroporto de Peinador (pertencente a Vigo), que se sitúa a poucos quilómetros. INDICADORES SOCIOECONÓMICOSEste municipio creceu ó longo de todo o século XX, aínda que na década dos 80 sofreu un certo atraso. O seu dinamismo débese, en grande medida, á situación a medio camiño entre Vigo e Pontevedra, e á relación coa primeira, pois case se integra na súa área metropolitana. Actualmente a poboación é de 29.847 persoas, cunha porcentaxe aproximada de 51% de mulleres e 49% de homes.As actividades industriais están moi ligadas ó mar e fan que se perfile como un polo de desconexión coa urbe viguesa. A pesca é unha actividade importante, e o porto do municipio é un dos dez primeros dentro da clasificación galega, cunha frota esencialmente de baixura, caracterizada pola captura de peixe de baixa cotización; tamén é moi relevante o marisqueo de moluscos bibalvos. O choco é o símbolo mariño xenuíno de Redondela (da súa gastronomía). En Redondela só o 8,8 por cento da poboación pertence ó sector primario, a pesar de que o clima benigno das rías baixas favorecen as colleitas temperás dos produtos da horta e os viños. Destacan os numerosos invernadoiros adicados xeralmente ó cultivo de flores, e as plantacións de quiwi (este municipio foi un dos pioneiros da introdución desta especie en Galicia). O sector secundario engloba un 47,1 por cento da poboación, e nela destacan as industrias de conservas, conxelados, e a téxtil. No sector terciario inclúese o resto da poboación, que se adica na súa maioría ó pequeno comercio. REDONDELA ARQUEOLÓXICAAs fértis terras que configuran o Concello de Redondela posúen numerosos xacementos arqueolóxicos que nos documentan amplamente as diferentes etapas prehistóricas e históricas polas cales pasou esta ben definida área xeográfica galega.Os primeiros vestixios de poboación que posuímos na actualidade para estas terras sitúanse cara ó ano 3.000 antes de Cristo, localizándonos xa dentro da denominada cultura megalítica. Non hai que descartar a posibilidade de que achádegos arqueolóxicos futuros nos ofrezan datos suficientes que nos permitan falar do período paleolítico e mesolítico, como ocorre nas zonas xeográficas próximas a Redondela. Un interesante enclave castrexo sitúase nunha elevación duns 336 metros sobre o nivel do mar, e que se coñece indistintamente por "Coto do Castro", "Coto de Negros","Monte do Castro", "Castro Grande". É limítrofe entre as parroquias de Negros e Cabeiro. A súa configuración ven dada por unha acrópole rochosa e varias terrazas orientadas cara ó ponente, por onde ten a entrada. Servindo de límite ós concellos de Redondela e Soutomaior, temos o importante castro da Peneda, na parroquia do Viso, a uns 324 metros sobre o nivel do mar. Na parroquia de Vilar de Infesta ubícase o chamado "Marco", que serve de límite entre esta parroquia e as parroquias de Guizán e Louredo, ambas as dúas pertencentes ó veciño concello de Mos. Trátase dun miliario que xa ten moi deteriorada a súa inscrición, que se fai ilexible. En Saxamonde, no lugar que se coñece como "Socalco da Veigadela ", puidose recuperar outro miliario roto en catro anacos que servían como postes de viñas. Está adicado ó emperador Adriano. INFRAESTRUTURASA rede viaria xeral compónse de estradas nacionais, autonómicas, provinciais e locais. Pola súa importancia destacaremos as de ámbito nacional e autonómico. Non hai que esquecer tampouco a autoestrada A-9 que discorre paralela a beiramar ata que se separa para atravesar a ría. Polas súas características é un vieiro con grande incidencia territorial, non só polas súas dimensións se non tamén polas proteccións esixidas ás súas beiras. A rede de estradas que atravesan o concello está composta polas seguintes vías:
Infraestruturas básicasA infraestrutura do abastecemento de augas no termo municipal de Redondela presenta dúas vertentes, unha de tipo municipal e outra privada de comunidades de usuarios. A rede municipal abastece o núcleo urbano de Redondela-Cesantes e o de Chapela. Alén deste servizo existen no resto de parroquias, redes veciñais e pozos particulares.O abastecemento a Cesantes vén a través do núcleo urbano desde o depósito de Quintela, pola estrada de Redondela a Cesantes. A rede que abastece Chapela provén dunha captación no río Fondón dirixida a un depósito situado na zona baixa do lugar de Cidadelle, cunha capacidade de 400 metros cúbicos. Esta rede de distribución vai en pvc, e está prevista a súa substitución por tubaxe de fundición. O abastecemento de augas a Redondela procede exclusivamente da captación realizada pola Confederación Hidrográfica no río Louro, no concello veciño de Pazos de Borbén, que conduce a auga ata o depósito construído en Quintela, cunha capacidade de 4.000 metros cúbicos. O servizo de abastecemento de auga municipal foi privatizado no ano 1993, por un período de 25 anos, á empresa SERAGUA. Os recursos hidráulicos utilizados para o abastecemento de auga proceden de captacións realizadas nos ríos Fondón e Mouro, e de mananciais. A rede de sumidoiros non comprende todo o territorio do concello, hai parroquias e lugares que só contan con foxas sépticas e pozos negros. Os núcleos e parroquias que están totalmente conectados á rede de sumidoiros son os de Redondela centro, Cesantes, Chapela e algúns lugares doutras parroquias. No núcleo urbano de Redondela existe unha rede de sumidoiros de tipo separativo: os vertidos envíanse ós colectores xerais instalados ó longo da Avenida do Alvedosa, que conflúen na estrada de Cesantes-Redondela para o seu posterior vertido na depuradora construída na marisma de Santa Mariña. Nesta depuradora recóllense os vertidos de Cedeira, Cesantes, Reboreda, O Viso e Ventosela. En Chapela existe rede en case todos os barrios, excepto en pequenas zonas de Laredo, con vertidos ó mar e ós ríos Padín e Folón. En Cesantes existe rede de sumidoiros nos barrios de Outeiro das Penas, Carballiño, San Pedro, Porta-Levada e A Pantalla, así como no treito da estrada N-550 que vai desde a escola pública ata a súa unión ó colector localizado na marisma, desaugando na depuradora. En Ventosela existe rede en parte do barrio de Castiñeira, que verte no colector xeral de Reboreda. Tamén no barrio de Vilar do Mato, que verte no colector que recolle os vertidos de Cesantes e O Viso. N'O Viso hai rede de sumidoiros ó longo da estrada da Peneda e unha parte da estrada a Soutomaior. Desauga no colector situado na N-550, que verte posteriormente na depuradora de Redondela. En Reboreda existe unha rede conectada ó colector xeral de Redondela e no barrio do Cruceiro en Cedeira hai unha pequena rede que se une á xeral de Redondela. Infraestruturas de servizosOs servizos financeiros están cubertos en Redondela por 15 entidades bancarias e 10 sucursais de caixas de aforros.En canto á capacidade hotaleira conta cun hotel e cinco hostais, dúas casas de turismo rural un camping de 160 prazas e un albergue de peregrinos no casco urbano con 95 prazas. EQUIPAMENTOSServizos públicos da AdministraciónEstán constituídos polos servizos administrativos situados na Casa Consistorial, no Edificio de Servizos Sociais e no Edificio Multiusos de Redondela, no núcleo urbano de Redondela, que centralizan todos os equipamentos de carácter administrativo. Ademais Redondela conta cun xulgado de primeira instancia e ten en tramitación a creación dun segundo.Posúe unha oficina do Servizo Galego de Colocación, unha oficina de extensión agraria e dúas oficinas de correos, unha en Chapela e outra en Redondela. Conta cun servizo da Garda Civil, ademais de Policía Local. Non existe servizo contra incendios, polo que depende dos servizos do Concello de Vigo. En Redondela existe un cemiterio municipal denominado Mañó, o resto son de carácter parroquial. Equipamento escolarO número de unidades de preescolar no concello é de 16, que se reparten deste xeito: 2 en Redondela, Reboreda, Cesantes, Cedeira, Laredo, Porto-Cabeiro e Igrexa (Chapela), Quintela e Trasmañó.As escolas de educación primaria e ESO do concello son:
En canto ó ensino non obrigatorio, Redondela conta con tres centros: 2 institutos en Redondela e 1 en Chapela. Equipamento sanitarioNo concello de Redondela existen dous centros de saúde, un en Chapela e outro no centro de Redondela. Prestan asistencia sanitaria primaria, con medicina xeral, pediatría, matronas, asistente social e enfermaría. As urxencias básicas aténdense nun servizo de urxencias extrahospitalarias localizado nas dependencias do centro de saúde de Redondela. Pola inclusión do concello na área sanitaria de Vigo, todas as consultas de especialistas e hospitalización realízanse nos hospitais xerais de Vigo.No barrio da Parada en Chapela sitúase un Centro de Atención a Minusválidos Psíquicos, de ámbito comarcal e xestionado pola Xunta de Galicia. Equipamentos socioculturaisNo centro de Redondela sitúanse os principais equipamentos deste tipo. Así, o concello conta cunha Casa da Cultura que dispón de dous andares adicados a aula de informática, de fotografía, e unha sala de exposicións. Existe tamén un Conservatorio de Música e varias Escolas Municipais que ofertan cursos de teatro, música e pintura a cargo de animadores culturais. Ademais Redondela conta cun Auditorio xestionado polo Concello onde se realizan diferentes actividades culturais, representacións e concertos.A Biblioteca Pública Municipal e mais o Departamento de Novas Tecnoloxías, cunha aula de informática dende onde se xestiona o portal de internet, sitúanse no Edificio Multiusos da Xunqueira, xusto á beira do Concello. Nas distintas parroquias existen locais veciñais onde se proxectan actos culturais, e en Reboreda, Vilar de Infesta, Negros e Cedeira tamén hai Casas da Cultura. En Cesantes localízase un Centro Cultural privado. Equipamentos deportivosEn todas as parroquias de Redondela existen pistas polideportivas excepto nas de Ventosela, O Viso, Cesantes e Quintela. Contan con pavillóns cubertos Redondela, Chapela e Reboreda.O concello posúe sete campos de fútbol, nas parroquias de Chapela, Trasmañó, Vilar de Infesta, Saxamonde, O Viso, Redondela e Cesantes. Para alén disto Redondela conta cunha piscina pública municipal. Equipamento verde e espazos de uso públicoAs zonas verdes máis importantes do concello son a Alameda de Redondela, o parque baixo o viaduto de Redondela, con cinco canastros (hórreos), a Alameda de Chapela, a zona de lecer de Ventosela, o paseo marítimo na praia de Cesantes e o paseo de árbores da praia de Arealonga, en Chapela.Na maioría das parroquias existen pequenas zonas de recreo e xogos infantís cun marcado carácter parroquial. Así, o parque infantil no barrio de Cidadelle, parque infantil en Trasmañó, miradoiro no barrio de Cidadelle, parque infantil en Chapela, parque infantil en Resposín (barrio de Eirapedriña), xogos infantís na parroquia d'O Viso, parque infantil no barrio de Rande e en Pedrirás (Trasmañó). Equipamento comercialNo concello de Redondela o comercio de uso diario localízase preferentemente nos núcleos de Redondela, Chapela e Cesantes. Este é un comercio diversificado e cunha ampla gama de produtos. No resto das parroquias os núcleos son pequenas tendas de alimentación, droguarías, etc. Para o comercio máis especializado os veciños de Redondela acoden basicamente a Vigo.Existen dous mercados públicos no concello, un en Chapela e outro na vila de Redondela. O primeiro é pequeno e o segundo dispón de 1.000 metros cadrados repartidos en dous andares. Os días 6 e 21 de cada mes celébrase na vila de Redondela unha feira, onde se instalan aproximadamente 200 postos de venda. A Confraría de Pescadores xestiona a Lonxa de Pescadores, situada no porto de Cesantes, ampliada e reformada recentemente. |
