Clave
CALENDARIO DAS FESTAS

XANEIRO

Sedecine

Durante unha semana proxéctase un ciclo de filmes no Auditorio José Figueroa

Nadal Cultural - Cabalgata de Reis.

Durante o mes de decembro e a primeira semana de xaneiro levarase a cabo o "Nadal Cultural", que reúne diferentes espectáculos, desfiles, concertos  e exposicións que se desenvolven por todo o concello.

FEBREIRO

Festas do Entroido

Con motivo das festas do Entroido, celébranse durante estes días concursos, desfiles e as tradicionais queima do Meco e enterro da sardiña.

DOMINGO DE ENTROIDO - Concentración de comparsas no Campo da Feira de Redondela e comezo do Entroido e desfile de comparsas e grupos. Rematado o desfile hai unha verbena na Praza da Constitución.

MARTES DE ENTROIDO - Desfile de comparsas, disfraces individuais, parellas e grupos polas rúas de Alfonso XII e da Ribeira. Queima do Meco e tiraxe de fogos artificiais. Resolución do xurado e verbena na Praza da Constitución.

MÉRCORES DE CINZA - Enterro da sardiña e fin do Entroido.

Proxecto "Teatrarte".

O proxecto Teatrarte é un ciclo de teatro que se realiza durante os meses de febreiro e marzo en colaboracion co IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais).

MARZO

Proxecto "Teatrarte"

ABRIL

Serán Cultural

Festival Internacional de Curtametraxes "Redondela en curto"

Concertos Sagros de Semana Santa

Con motivo da Semana Santa realízanse na Igrexa Parroquial Santiago Apóstolo de Redondela concertos corais de carácter relixioso. 

MAIO

Festa dos Maios

Como noutras localidades galegas, é tradición celebrar o día 1 de maio a festa dos denominados "Maios", que son unhas estruturas en madeira que se recobren de plantas, flores e froitos, e que representan a exaltación da primavera. A poboación organízase en grupos que preparan durante toda a noite o  seu maio, que presentan nun concurso onde se premian os mellores "maios" e as mellores coplas (versos que se cantan na presentación do maio).

Festa do Choco

Durante o mes de maio celébrase a Festa do Choco, feira gastronómica de exaltación deste produto típico da zona que se converte nunha festa local con concursos ás mellores receitas, e un programa de actuacións e verbenas nocturnas.

Festival Internacional de Títeres

Celebración do Día das Letras galegas

XUÑO

Festas do Corpus (Festa da Coca)

Con motivo da celebración do día do Corpus, realízanse en Redondela unhas festas populares de gran tradición. Conta a lenda que todo os anos un dragón (a "Coca") chegaba a Redondela para capturar virxes que despois devoraba. Os mozos mariñeiros de Redondela uniron as súas forzas para loitar coas súas espadas contra a Coca, á que venceron. Para relembrar esta lenda, todo os anos, o día do Corpus, no desfile do Corpus Christi sácase tamén á rúa a figura da Coca, e realízase a Danza das Espadas que celebra o triunfo dos mozos redondeláns, e o Baile das Penlas no que as nenas da localidade representan as virxes da vila. Esta tradición converteuse nunha festa que dura varios días nos que hai un amplo programa de espectáculos, concertos, exposicións e verbenas nocturnas.

Festa dos fachos

Organizada por varias asociacións de Redondela, é unha  procesión de lume e sons tradicionais que todos os anos parte dende a base da Peneda (O Viso) cara ao máis alto desta máxica atalaia. Unha vez chegada a marcha, procedese á lectura do pregón e máis a prender o lume máximo. A continuación segue a música dos nosos antergos que se xunta coa queimada e a maxia desta noite de meigas e conxuros.

XULLO

Festas do Carme

Fermosa celebración onde os mariñeiros honran a súa virxe. Realízase na parroquia de Cesantes, e as embarcacións bótanse á ría de Vigo a navegar todas adubiadas con flores.

Noites Máxicas de Verán

As actuacións programadas para o verán englóbanse baixo este nome, e  realízanse durante os meses de xullo e agosto. Nelas inclúense concertos, ballet, teatro e cinema.

Festival Internacional de Artistas na Rúa. 

Un festival dirixido a nen@s e maiores onde a fantasía e os malabarismos teñen un papel fundamental; nel poderemos atopar acróbatas, showmans, performances, artistas de circo e até algún fakir.          

AGOSTO

Noites Máxicas de Verán. 

Festa de Santa María de Reboreda.

Entroido de verán.

Divertido entroido que se fai a penúltima fin de semana deste mes, onde hai un concurso de disfraces e comparsas. Faise na Praza da Constitución, onde os participantes teñen bebida de balde só por iren disfrazados. Ademais hai verbena e fogos artificiais.

Lixo Rock

Concertos ao ar libre de grupos de rock locais nos que se trata de promocionar a música feita na nosa vila.

Noite da Lúa Meiga

Unha festa de música tradicional na parroquia do Viso (Redondela). Dende a tarde hai xogos populares, feira de artesanía, música e baile tradicional e pola noite un concerto de folk galego. Esta festa está organizada pola Asociación "Terra meiga".

SETEMBRO

Inicio dos cursos municipais

Cursos municipais de guitarra, pintura e música que se inician neste mes até Xuño do ano seguinte. Ademais tamén dan comezo os diversos obradoiros dos distintos departamentos como o OMIX, Novas Tecnoloxías....

Festa do Mexillón

Festa gastronómica en torno a este exquisito manxar. Realízase na parroquia de Chapela.

Musicarte

Festival de música e outras artes.

Peregrinación á Festa da Franqueira

O "Vieiro da Franqueira" é unha das rutas relixiosas mais antigas de Galiza. Hai duas romerías multitudinarias a este santuario a 42 km de Redondela: nas "pascuillas" (50 días despois de Pascua) trasladanse alí imáxes de santos e cruces das distintas parroquias, e o 8 de setembro, pola Natividade de María, hai danzas e o "Drama do moro e o  cristiano".

OUTUBRO

Festa da Mazá

A primeira fin de semana de outubro faise esta "sabedeira" festa na parroquia de Santo Estevo de Negros

Musicarte

NOVEMBRO

Mostra de Teatro de Afeccionados

Magosto

Organizado pola Asociación Xuvenil "Tríncate".

DECEMBRO

Festa da Orella

Na parroquia de Cedeira poderase degustar, ano tras ano, este manxar a mediados deste mes.

Nadal Cultural

Durante o mes de decembro e a primeira semana de xaneiro lévase a cabo o "Nadal Cultural" que reúne diferentes espectáculos, desfiles, concertos e exposicións que se desenvolven por todo o concello.

Sedecine

Ao longo dunha semana proxéctase un ciclo de filmes no Auditorio José Figueroa